Nos primeiros anos do S. XVIII Silleda celebraba a súa feira o día 18 de cada mes na carballeira e pendellos situados na actual Praza da Feira Vella, da que tan só quedan en pé algúns carballos centenarios.
Posteriormente, e xa no S. XIX, pasa a organizalas concentracións os días 6 e 23 de cada mes, destacando os días 23 de decembro e o 6 de xaneiro como especialmente sinalados para mercar produtos relacionados co Nadal e produtos da terra, sendo o máis habitual o gando vacún, galiñas, polos, manteiga e queixos.
Co fenómeno da Semana Verde aparecen dúas novidades. Primeira: o cambio de emprazamento ao lugar actual, que se produciu en torno ao ano 1976 e, en segundo lugar, o paso do mercado tradicional da venda por raleo e negociación individual, a un sistema moito máis avanzado, implantando o Mercado Comarcal de Gando, tan só o vacún, e creando a Lonxa Agropecuaria de Galicia.
As datas quedan fixadas para todos os martes seguintes aos días 5 e 20 de cada mes. Posteriormente, e dado o volume acadado, amplíanse a todos os martes do ano, salvo coincidencias cos eventos feirais.
Tipoloxía
Hoxe cabería distinguir na capital trasdezana tres tipos de mercado:a feira especializada con venda presencial de animais en poxa transparente e informatizada; avenda de animais e produtos sen presenza do xénero, tan só para marcar prezos de referencia (Central Agropecuaria de Galicia); e como final da evolución antes comentada, a celebración de mostras e exposicións anuais, figura actual que responde a unha Instalación ou recinto perfectamente dotado de servizos, onde con periodicidade determinada, xeralmente anual, se expoñen máquinas, ferramentas ou sectores concretos de produtos industriais, de comercio ou de alimentación para a promoción, coñecemento e venda de artigos. Son as Feiras Profesionais e a Feira Internacional de Galicia.
Fuente: turismosilleda.es