Feria de A Bandeira - SILLEDA

A entidade poboacional de A Bandeira é relativamente recente. No S. XVII tiña seis veciños e non se chama asi, senón  “O Fortin”, con edificacións moi pobres xunto ao cruce actual. O seu nome alude á casa forte, de moi grosos muros e piso alto con pequenas ventás para ser defendido con facilidade. Esta casa forte veu a ser tamén  unha gran taberna no s. XVIII co seu distintivo vermello de despacho de viños semellante a “unha bandeira”. A feira estaba agora situada arredor da “Casa da Bandeira”, e dela falan os libros parroquiais e, dese nome, esquecendo o nome de Fortín, recibe o seu nome propio.

Valgan estas liñas escritas polo cronista oficial desta vila, D. Xosé Espiño Matos, para dar carácter e rigor a todo o relativo ao nacemento de dous símbolos que identifican a un pobo. A  bandeira como estandarte sinalizador dun mercado  e A FEIRA, con letras maiúsculas como a máis importante concentración  de xentes da zona, para o intercambio de mercadorías.

A consecuencia,  o nacemento dun núcleo, puxante, A Bandeira, que facía de soporte de servizos da Feira e sen a cal xa non podería vivir ata o día de hoxe.

No ano 1804 segundo comenta Lucas Labrada, falando de A Bandeira, “Tiene una feria el catorce de cada mes, de ganado vacuno, algún pescado fresco y curado, granos y pan cocido”.

Dende aquelas as cousas cambiaron para mellor. Á beira do Camiño Real que iba de Ourense a Santiago entrando pola calzada, e coa construción a partir do ano 1850 da estrada co trazado actual o centro comercial centralizouse aquí e iso fai que os habitantes de Manduas e das parroquias veciñas se vaian trasladando á vila.

A arquitectura urbanística vaise ampliando, os carballos vanse cortando e no seu canto, móntanse os postos de venda en calellos especializados, dos que tan só quedan os seus nomes.

Renque do peixe, renque da froita, calellos dos caldeireiros, dos cacharreiros, do Pulpo, da Pomba... son hoxe as testemuñas escritas sobre as placas dos rueiros como escrituras notariais.

Posteriormente declarouse o 29 de cada mes (salvo no mes de febreiro que pasa ao 28), tamén como  día de mercado tal e como ocorre hoxe.


Tipoloxía-Mostrario

Pódese considerar como un híbrido do  tipo feira-mercado rural pero coa categoría de  mercadiño-feirón, onde se expoñen nos días sinalados determinados tipos de animais (pequenas mascotas), calzado,  xéneros e produtos téxtiles, apeiros e trebellos da facenda, carne curada, peixe, queixo, doces, pan, froitas e moi importantes legumes e árbores do tempo.

A lista sería interminable pero co marchamo de ser “do País”.

O Mercadiño está situado na actual Praza do Antroido  e rúas da contorna, no mesmo emprazamento de hai 2 séculos.


Fuente: turismosilleda.es